As especies de gando que actualmente contribúen á produción agrícola e de alimentos, son o resultado dun longo proceso de domesticación e desenvolvemento. Desde a domesticación das primeiras cabras, fai 10 000 anos, nas montañas Zagros no Oriente Medio e ao traveso de milleiros de anos de migracións humanas, de comercio, de conquistas militares e de colonizacións, o gando foise dispersando desde os seus lugares de orixe, expoñéndose a novas rexións agroeconómicas, novos climas, novas vexetacións, novas culturas e novas tecnoloxías. A selección natural e artificial, e o cruzamento con poboacións de outras orixes e incluso especies, produciron unha grande diversidade xenética e fenotípica.
Durante o século XIX comeza una nova fase relacionada cunha mellora nas comunicacións (máquina de vapor) e ao desenvolvemento de dos primeiros programas de mellora gandeira organizados.
A maior parte desta mobilización realizouse dentro de Europa ou entre as potencias coloniais e os seus territorios no estranxeiro. As razas europeas estendéronse deste xeito, por boa parte do planeta, sobre todo en zonas tépedas do hemisferio sur e nos trópicos secos. Pouco a pouco, nestes novos territorios as razas fóronse diversificando e adaptando para desde aquí, introducirse de novo noutras colonias e latitudes. Tamén existiu un intercambio entre colonias dos mesmos imperios, como a introdución en América Latina de bovinos Cebú procedentes do Sur de Asia.
No século XX o desenvolvemento de novas tecnoloxías reprodutivas que facilitan a mobilización de material xenético e o incremento na comercialización da industria deste material xunto coa viabilidade para o control de ambientes de produción independentemente da localización xeográfica creou un fluxo internacional de xenes de moi importantes dimensións. A transferencia de material xenético a nivel internacional agora ocorre a gran escala, tanto dentro do mundo desenvolvido, como dentro do países en vías de desenvolvemento.
O problema de cara a conservación dos recursos zooxenéticos radica en que estes fluxos de xenes están centrados en poucas razas, e incluso en moi poucos individuos (os bovinos Holstein-Friesian, presente en 128 países, os porcos Large White presentes en 117 países, os caprinos Saanen presentes en 81 países e os ovinos Suffolk presentes en 40 países).
Deste xeito debemos decatarnos que:
En 1983, 38 anos despois da fundación en Quebec, Canadá (1945), da Organización da Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación, créase a Comisión de Recursos Xenéticos para a Alimentación e a Agricultura, vinculada orixinalmente aos recursos fitoxenéticos, comezando deste xeito o desenvolvemento do Sistema Mundial sobre os recursos Fitoxenéticos.
En 1992, aprobase a Axenda 21, coincidindo coa Conferencia das Nacións unidas sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvemento (Cumio da Terra, Río de Xaneiro). No capítulo 14 deste programa estipúlase que os gobernos deberían “elaborar planes de preservación de razas de animais para poboacións en perigo(…)”, este mesmo ano, no marco da reforma da Política Agraria Común, a UE publica o Regulamento (CEE) 2078/92 do Consello, do 30 de xuño, sobre métodos de produción agraria compatibles coas exixencias da protección do medio ambiente e a conservación do espazo natural. Este regulamento no seu artigo 2 punto 1 apartado d) recolle “…actividade beneficiaria das axudas a crianza e mantemento de animais de razas locais en perigo de extinción.” Encargándoselle ao CEREOPA (Centro de Estudos e de Investigación sobre a Economía e a Organización das Producións Animais) a realización dun inventario das razas autóctonas dos países comunitarios ameazadas de extinción, e un estudo sobre cales eran ou poderían considerados como tales.
En 1995, a conferencia da FAO amplía o mandato da Comisión para que abarque todos os compoñentes da biodiversidade de relevancia para a alimentación e a agricultura, incluíndo deste xeito aos recursos zooxenéticos.
En 1997 créase, como grupo de traballo sectorial, o Grupo de Traballo Técnico Intergubernamental sobre os Recursos Zooxenéticos para a Alimentación e a Agricultura. Nese mesmo ano publícase en Roma a Listaxe Mundial de Vixilancia para a Diversidade dos Animais Domésticos, que se converterá na base de posteriores informes e planos de actuación.
En 1999, a FAO acordou a coordinación da preparación dun informe impulsado polos países, sobre a situación dos recursos zooxenéticos mundiais. Para isto no 2001, convocou a 188 países para avaliar e informar sobre a situación dos seus recursos zooxenéticos. Entre 2003 e 2005 recibíronse un total de 169 Informes. Ademais, empregando o Sistema de Información sobre a Diversidade dos Animais Domésticos de la FAO (DAD-IS1), o cal permite aos estados participantes informar sobre as características, tamaño e estrutura poboacional das súas razas, e considerando as contribucións de organizacións internacionais, estudios e colaboracións de expertos elabórase o Informe Sobre a Situación dos Recursos Zooxenéticos Mundiais para a alimentación e a agricultura.
No 2007 a comunidade internacional adoptou o primeiro Plano de Acción Mundial para os Recursos Zooxenéticos que comprende 33 prioridades estratéxicas dirixidas a combater a erosión da diversidade xenética animal e empregar de maneira sostible os recursos zooxenéticos. A posta en práctica deste plano aportará unha contribución importante á realización dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio nº 1(erradicar a pobreza extrema e a fame) e o nº7 (asegurar a sostenibilidade ambiental).
A conservación dos recursos zooxenéticos en Galicia comeza no ano 1990 co Programa de Conservación e Recuperación de Razas Bovinas Autóctonas de Galicia en Perigo de Extinción, elaborado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia.
Este programa definiu unha serie de actuacións que, no 1991, quedaron englobadas no Plano Integral de Mellora Xenética. Este plano de conservación estaba baseado nun programa ex situ coordinado desde o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, no Pazo de Fontefiz, Coles , Ourense, onde se crearon os rabaños fundacionais e un banco de xermoplasma, e un programa in situ no que se contaba cun rexistro de animais das diferentes razas, propietarios, veterinarios colaboradores, etc…
Grazas a estas ferramentas, no ano 1992 contábanse con 337 animais das 5 razas bovinas galegas.
A partir do ano 1998 impúlsase o nacemento das Asociacións de Criadores das diferentes razas de cara a conseguir unha maior implicación dos gandeiros nas xestión das poboacións deste gando.
Nos anos 2000 e 2001, publícanse os estándares raciais e regulamentos específicos dos libros xenealóxicos de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción descritas (cachena, caldelá, frieiresa,limiá, vianesa, ovella galega, cabalo de pura raza galega, porco celta, can de palleiro, perdigueiro galego, podengo galego, can guicho e galiña de mos).
Paulatinamente, desde o ano 2000 ata o 2008, e co apoio do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, a medida que as Asociacións ían adquirindo a entidade e capacidade suficientes a Xunta de Galicia delegaba nestas a xestión da levanza dos Libros de Rexistro Xenealóxicos para cada raza. A día de hoxe, estas asociacións están a traballar na conservación das razas respectivas sen incidencias.
“Ordenó, pues, la suerte y el diablo, que no todas veces duerme, que andaban por aquel valle paciendo una manada de jacas galicianas de unos arrieros yangüeses, de los cuales es costumbre sestear con su recua en lugares y sitios de yerba y agua; y aquel donde acertó a hallarse Don Quijote era muy a propósito de los yangüeses.”
El Ingenioso Hidalgo Don Quijote de La Mancha. Capítulo 15.
A presenza do cabalo, e do cabalo PRG en particular, no territorio galego, e por extensión na cultura galega e moi importante. Desde a súa representación en numerosos petróglifos da idade do bronce (2000 a.C) ata a celebración cada verán, das famosas rapas das bestas ao longo de toda a xeografía atlántica galega, algunhas delas declaradas de interese turístico, pasando por citas de Plinio (século I d.C.), Estrabón, (63 a.C.), Silio Itálico (ano 102 d.C.), o propio Miguel de Cervantes(S.XVI) ou o Padre Sarmiento (S. XVII).
A finais dos 80 e principios dos 90, e dentro dunha corrente internacional de preocupación polo estado de conservación das razas autóctonas comézase a analizar a situación do chamado cabalo galego, poni galego, cabalo galego de monte ou faca galizana desde diferentes sectores vinculados coma a universidade, colectivos de gandeiros ou grupos veterinrios.
En decembro do 1992, asínase a Acta Fundacional pola que xurdiu a Asociación de Criadores de Ponis de Galicia.En 1993 deseñase o Plano de conservación, fomento e mellora do Cabalo Galego de Monte, iniciándose os primeiros censos da raza, que non tiveron demasiado éxito.No 1994, o Cabalo Galego de Monte queda recoñecido dentro do Inventario Comunitario de Razas Equinas en Perigo de Extinción publicado cos datos recollidos polo CEREOPA.
No 1995 publícase o Real Decreto 51/1995, do 20 xaneiro, que se aplicaría por primeira vez no ao traveso da Orde do 4 de agosto do 1996, na que se establecen en Galicia determinadas medidas de fomento de métodos de produción agrícola e gandeira compatible coa protección do medio ambiete… No seu capítulo V. fomento de razas autóctonas en perigo de extinción. Ano no que comeza a escolma dos primeiros exemplares do Cabalo PRG, chamado De Monte.
Estatalmente o recoñecemento do cabalo, queda recollido no Real Decreto 1682/1997, de 7 de novembro, polo que se actualiza o Catalogo Oficial de Razas de Gando de España. Onde se clasificaba como raza autóctona de protección especial.
O 18 de xaneiro do 1997 asinase a acta fundacional da Asociación de propietarios e criadores de Galicia do Cabalo Galego de Monte. Neste mesmo ano o servizo técnico de produción animal deseñou un plano de actuacións que estruturaban a organización dun Libro de Rexistro Xenealóxico, a descrición dun prototipo racial e a selección e inscrición de exemplares.
Posteriormente a Xunta de Galicia publicaría a Orde do 23 de setembro de 1998 polo que se establece o libro xenealóxico da raza equina Cabalo Galego do Monte. Esta normativa quedaría derrogada pola Orde do 4 de abril de 2001 pola que se establecía a regulamentación específica do Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega. e establecía a regulamentación específica do Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega. Créase, a cargo da Asociación de propietarios e criadores de Galicia do Cabalo Galego de Monte un rabaño fundacional de 20 exemplares nunha finca situada na estrada Oia-Baiona, en Mougás.
Paralelamente desde a administración estatal publicaríase o Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro, polo que se establecía o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras.
Finalmente publicábase o Decreto 149/2011, do 7 de xullo, polo que se establecía o Catálogo oficial de razas gandeiras autóctonas de Galicia, se regulaba o recoñecemento oficial das asociacións de criadores de razas autóctonas de Galicia que creasen ou xestionasen libros xenealóxicos e se aprobaban os programas para a súa conservación, mellora e fomento.
Desde o ano 1998, onde amparadas polo apoio do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, os criadores de gando pertencente ás diferentes razas autóctonas en perigo de extinción, asociáronse de cara a canalizar as súas inquietudes na xestión destas poboacións. Existiu un intento de crear unha asociación de gandeiros que aglutinara á maior parte dos criadores de cabalo PRG de Galicia, pero non se conseguiu ata que o 31 de novembro do ano 2005 fúndase a Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega, PURAGA, no Concello de Muras, Lugo, na serra do Xistral. Rexistrándose na Dirección Xeral de Relacións Laborais o dia 29 de novembro dese mesmo ano. 3 anos despois, publícase a Resolución do 02 de Nadal do 2008 pola que se recoñecía oficialmente a PURAGA para a levanza do Libro de Rexistro Xenealóxico da Raza PRG. Permanecendo así ata o día de hoxe.
PURAGA está integrada en FEDERAPEX (Federación de Razas Autóctonas Españolas) así como ten asinados convenios de colaboración con BOAGA (Federación de Razas Autóctonas de Galicia)