Ao rematar a última glaciación, o aumento de temperatura provocou a expansión dos bosques. As carballeiras ocuparon os espazos abertos esteparios característicos dos climas fríos anteriores, substituíndo as matogueiras por grandes áreas arboradas. Os cabalos perdían o seu hábitat. A súa poboación descendeu ata o punto desaparecer na maior parte de Eurasia desapareceron, conservándose unicamente aqueles exemplares que, perdendo a súa condición de animal salvaxe, foron domesticados.
Desde aquel momento, a gandería, mediante rozas, queimas e pastoreo, está a conservar estes espazos abertos. Por iso, a relación entre os homes e mulleres do noso país e os seus cabalos é única, existindo evidencias dunha poboación de animais en liberdade desde o Neolítico, como así o teñen demostrado a súa presenza no rexistro fósil ou a súa aparición en numerosos petróglifos.
Esta continuidade, o feito de que desde sempre haxa cabalos bravos en Galicia, non ocorre na maioría de poboacións de cabalos salvaxes ou cimarróns do mundo, onde hai constancia de eventos de solta ou abandono de animais (mustang en E.U.A., Brumby en Australia, Poni da Illa Sable no Canadá, etc.). As circunstancias especiais de propiedade da terra en Galicia, con amplas superficies xestionadas de xeito colectivo, posibilitaron a conservación dun sistema de cría respectuoso co medio ambiente estreitamente vinculado coa nosa raza autóctona.
Única fotografía dun Tarpán, o último morreu no 1875 no zoo de Moscú. Nótese a semellanza co cabalo de Pura Raza Galega, tamaño,
orellas pequenas, grupa baixa, crinas poboadas, extremidades fortes e finas, soltadoiro curto e robusto, capa escura…
O cabalo criado en liberdade precisa poucos coidados porén vincula fortemente aos seus propietarios co monte. Os donos, preocupados polos seus animais invisten traballo e tempo no coidado do monte, vixían as súas reses, rozan, realizan queimas controladas, cambian os cabalos a zonas con mellores pastos… Facendo isto conservan un sistema de cría tradicional, unha comunidade vexetal ameazada, unha raza autóctona en perigo de extinción, unha poboación de grandes carnívoros e unha paisaxe característica na que o papel do ser humano é fundamental, podéndose considerar a matogueira atlántica galega coma unha auténtica PAISAXE CULTURAL.
Todos estes valores fican plasmados e condensados nunha das imaxes máis recoñecibles do noso país, coma os percebeiros, os polbeiros ou os peregrinos, os aloitadores e aloitadoras agarrando con forza e técnica a cabeza dunha egua nas RAPAS DAS BESTAS, nun espectáculo sinxelo pero real, onde a loita convive co respecto polos animais e o amor pola conservación das tradicións. Tradición que cada ano xunta a milleiros de persoas en toda a Galicia.
Rapa de Santo Tomé, O Valadouro. Anos cincuenta.
No ano 1998, co apoio do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, propietarios de exemplares das diferentes razas autóctonas en perigo de extinción asociáronse co obxectivo principal de protexer estas poboacións. No caso do cabalo, non foi ata o 31 de novembro do ano 2005 cando se fundou a Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega, PURAGA, aglutinando á inmensa maioría de criadores de cabalo PRG. Tres anos despois recoñecíase oficialmente a esta asociación como única entidade xestora do Libro de Rexistro Xenealóxico.
Desde o momento da súa creación traballouse para definir un prototipo que recollese a esencia do noso cabalo, a súa forza e axilidade, a súa resistencia e eficiencia nutricional, a súa nobreza e intelixencia, a partir dos milleiros de cabalos rústicos que sobrevivían nos montes galegos. O cabalo de Pura Raza Galega supuxo a dignificación e valoración desta raza, destes animais, do seu sistema de cría e das implicacións medioambientais que este supón, intentando, non só recuperar un magnifico cabalo, senón tamén conservar a súa cultura única, loitando para que a sociedade recoñeza o importante papel que estes animais xogan no noso pais.
Implantación do programa sanitario. CMVMC Santa Maria de Esteiro.
Os Libros Xenealóxicos son unha ferramenta para a conservación das razas en perigo de extinción. Permiten levar un control actualizado sobre o censo ao tempo que diferencian aos animais polo seu valor xenético. Os animais clasifícanse en función do número de proxenitores inscritos no libro en diferentes rexistros (Rexistro Auxiliar: animais sen ningún proxenitor coñecido, Rexistro Definitivo: animais cos catros avós coñecidos), de xeito que, ademais de facilitar a súa escolma, permítese a incorporación de exemplares con pais descoñecidos pero con altas puntuacións nas valoracións morfolóxicas realizadas no campo.
Os Cabalos PRG, como équidos rexistrados que son, teñen a súa propia documentación, pasaportes, microchips e NPU, xestionados por PURAGA. Implican unha serie trámites propios, como as análises de filiación para comprobar a xenealoxía ou a valoración aos tres anos de idade, que autoriza o emprego do animal como reprodutor, e a partir da cal se pode marcar co número frígore, característico da raza.
Documentos, antigo e novo, do cabalo de Pura Raza Galega.
A principios do século XX, Galicia exportaba preto de 10 000 cabezas anuais de equinos; Rof Codina calculaba a poboación en aproximadamente 100 000 exemplares. Pedro Iglesia, na súa tese “Los Caballos Gallegos Explotados en Régimen de Liberdad o Caballos Salvajes de Galicia”, censábaos en case 22 000 cabezas. Actualmente en toda Galicia e sen datos oficiais publicados, poderíase considerar que a cifra se pode aproximar aos 11 000. Agora ben, existe unha diminución xeralizada en todo o territorio e, sobre todo, unha completa desaparición destes animais en amplas zonas do norte Lugo, Costa da Morte ou centro da provincia de Pontevedra.
O Cabalo de Pura Raza Galega mantén unha poboación estable, con certas oscilacións, rondando entre os 1 200 e os 1 450 exemplares, a maior parte deles, femias. Esta conservación da poboación débese a unha maior profesionalización das explotacións onde se localizan.
As principais ameazas do cabalo de Pura Raza Galega son, ademais das xerais para todo o mundo rural, despoboamento, envellecemento,… o cruce con outras razas de maior condición cárnica, a falta de acondicionamento das comunidades de montes, a apertura de pistas e estradas por áreas tradicionais de pastos, a intensificación e os cálculos da carga gandeira por parte da administración, o baixo prezo dos poldros, etc.