Dentro das áreas estratéxicas descritas pola FAO para a conservación das razas gandeiras en perigo de extinción e asinadas por España na Declaración de Interlaken, recoméndanse a creación de programas de conservación EX SITU, nomeadamente, Bancos de Xermoplasma. PURAGA, entidade xestora do Libro Xenealóxico, entende como a súa responsabilidade a creación deste Banco de Xermoplasma para que a conservación por medios tecnolóxicos de material reprodutivo (seme e embrións) permita asegurar a supervivencia coma do Cabalo de Pura Raza Galega.
Deste xeito, inclúese no Convenio asinado pola Consellería do Medio Rural e PURAGA (Convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e PURAGA para a conservación, desenvolvemento e utilización sostible dos recursos zooxenéticos da raza equina Cabalo de Pura Raza Galega e o fomento e promoción dos seus produtos derivados, cofinanciado do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do PDR de Galicia 2014_2020) para a conservación da raza a creación dun Banco de Xermoplasma, que asegure a conservación da diversidade xenética dun xeito indefinido, podendo ser empregados, por medio de diferentes técnicas de reprodución asistida, cando fose preciso.
Recentes brotes de enfermidades en toda Europa, o control das cales precisa de sacrificios de altas porcentaxes das poboacións, demostran a importancia de contar con material xenético criopreservado para permitir a recuperación das razas locais.(Boettcher Et Al.2005).
O material conxelado conservarase no Centro de Recursos Zootécnicos de Galicia, Pazo de Fontefiz, Coles Ourense, dentro das súas accións encamiñadas á conservación e recuperación das nosas razas gandeiras autóctonas en perigo de extinción.