Sempre que se fala do cabalo de Pura Raza Galega, arguméntase que a súa conservación está baseada na súa capacidade de sobrevivir en condicións extremadamente difíciles, clima, alimentación, depredadores… e que as súas características diferenciais (pelaxe, tamaño, etc) fixáronse por un mecanismo de selección natural. Isto pódese considerar verdadeiro para a maior parte dos seus caracteres, porén, no caso da andadura, para a cal o cabalo de Pura Raza Galega posúe unha predisposición natural, non é así. A selección ao longo de xeracións por parte de criadores que buscaban fixar este movemento fixo que existan en Galicia, non só unha raza propia de cabalos, se non, incluso unha liña propia dentro da nosa raza, distinguible polo seu aire característico.
A andadura caracterízase polo movemento das dúas extremidades do mesmo lado, man e pé, ao mesmo tempo. Podendo ser perfectamente coordinado, andadura serrada (dous tempos), ou cun certo desfase da man respecto do pe, andadura chapeada (catro tempos).
Esta característica semella estar relacionada co feito de se criaren en territorios con fortes pendentes onde lle proporciona maior estabilidade, sobre todo nos descensos.
A andadura era un aire moi apreciado pola comodidade que alcanza o xinete, sobre todo en desprazamentos longos, coa progresiva incorporación da mecanización ao transporte, e a relegación do cabalo ao deporte onde , desde o século XVII data da aparición das carreiras de pura sangues en Inglaterra, fixo que tanto os cabalos trotóns como os tan prezados cabalos marchadores perderan a súa popularidade. Moitas destas estirpes desprezadas en Europa foron conservadas no continente Americano e fundaron razas, como o paso fino americano,colombiano ou Portoriqueño, o Missouri fox trotter ou o cabalo das montañas rochosas,entre outras, nas se conservaron, refinaron e adaptaron os diferentes pasos de andadura para suplir as necesidades dos colonos.
Existe unha discusión clásica sobre se andadura é nacida ou aprendida, e é certo que moitos poldros, ao nacer, posúen ese aire pero pérdeno ao pouco tempo.