Xa sabes a cantidade de propiedades que ten a carne de poldro de cabalo de Pura...
CONVENIO ENTRE A CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E A ASOCIACIÓN DE CRIADORES DO CABALO DE PURA RAZA GALEGA (PURAGA) PARA A CONSERVACIÓN, DESENVOLVEMENTO E UTILIZACIÓN SOSTIBLE DOS RECURSOS ZOOXENÉTICOS DA RAZA EQUINA CABALO DE PURA RAZA GALEGA, E O FOMENTO E PROMOCIÓN DOS SEUS PRODUCTOS DERIVADOS, COFINANCIADO CO FONDO EUROPEO AGRÍCOLA DE DESENVOLVEMENTO RURAL (FEADER), NO MARCO DO PDR DE GALICIA 2014_2020.
A Asociación de criadores do cabalo de Pura Raza Galega é unha asociación profesional, sen ánimo de lucro, creada no ano 2005 que dende hai anos mantén unha colaboración directa coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia en actividades vinculadas coa recuperación, fomento e difusión dos cabalos PRG. O desenvolvemento deste programa, só é posible coa participación de PURAGA. Trátase da única entidade recoñecida oficialmente pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico da raza, aglutina aos criadores e é a única que conta coa experiencia, formación e coñecementos necesarios para realizalo.
Os obxectivos primordiais desta asociación, son:
- Preservar este patrimonio xenético para xeracións vindeiras.
- Integrar, representar, defender e promover os intereses dos criadores desta raza interesados na súa conservación e mellora, en colaboración coas administracións públicas.
- A creación de núcleos para o mantemento da raza en pureza en condicións naturais.
- Exercer o control xenealóxico da raza levando un regulamento de inscrición e rexistro no libro xenealóxico.
- Promover e difundir o concepto da raza entre o público en xeral.
As accións en materia de conservación de recursos zooxenéticos planifícanse consonte as disposicións do Regulamento (CE) nº 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER, artigo 28.Agroambiente e Clima), e xestiónanse de conformidade co Regulamento (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade. Están recollidas na submedida 10.2: conservación de recursos xenéticos na agricultura, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2014-2020, aprobado por Decisión de Execución da Comisión C (2019) 1707 final, do 26 de febreiro de 2019.
Os beneficiarios últimos das actuacións financiadas con este convenio son os
gandeiros das razas obxecto do mesmo.
Galicia conta cunha grande diversidade de recursos xenéticos gandeiros autóctonos. A súa explotación sostible e rendible en sistemas de produción de calidade altamente compatibles co medio ambiente, é posible en gran parte pola rusticidade e a gran capacidade adaptativa destas razas.
Na actualidade, a conservación e o fomento destas razas debe apoiarse no valor engadido que vai asociado á forma de produción característica das mesmas, cun gran aproveitamento dos recursos naturais pero sen esquecer a protección do medio ambiente. Valor engadido que se estende tamén aos produtos que se obteñen das mesmas, diferenciándoos e incrementando a súa demanda e prezo.
As actividades de recuperación e conservación deste acervo xenético, van a permitir consolidar os resultados obtidos ata o de agora. Compre seguir traballando na conservación destas razas, polo que procede asinar un convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e PURAGA, coas miras postas na recuperación e potenciación da súa variabilidade xenética, diferenciando as súas producións, contribuíndo á diversificar as actividades económicas no rural e facendo un uso comercial das razas e os seus produtos, pero sen esquecerse do mantemento da biodiversidade.